quarta-feira, 15 de agosto de 2012

DE NADA VALE FALAR EM GALEGO..


Valentín García: “De nada vale investir en lingua se todo o mundo fala castelán”

O secretario xeral de Política Linguística recorda que a nosa lingua comunícanos con máis de 270 millóns de persoas

Valentín García Gómez, secretario xeral de Política LinguísticaFOTO:
Valentín García Gómez, secretario xeral de Política LinguísticaFOTO:

REDACCIÓN

"O galego ten que ter o seu lugar dentro da nosa sociedade". Estas foron algunhas das palabras do secretario xeral de Política Linguística, Valentín García Gómez, nunha entrevista en RNE na que engadiu que "o galego ten que ser a nosa primeira lingua", independentemente de que dentro da Unión Europea "conmutemos como falantes plurilingües" e iso "ten que ser visto como unha auténtica vantaxe".

Asimesmo a nosa lingua danos a facilidade para interactuar con falantes de fala portuguesa, tendo en conta que, hoxe en día, hai moitos empresarios que están creando negocios en Brasil, país que conta ­cunha economía emerxente.

"O galego comunícanos con máis de 270 millóns de habitantes no mundo", asegurou, "temos unha lingua que ofrece moitas posibilidades.

García Gómez está convencido de que a lingua non debe formar parte de ningún conflito político, intentando sempre quedar ao marxe das diversas contendas electorais.

Con respecto ao uso da lingua galega no ensino, o secretario xeral afirma que esa é unha parte importante dentro do proceso de normalización lingüística, pero para que a lingua sexa unha lingua de expresión e forme parte da vida activa dos cidadáns, ten que estar presente na sociedade.

"Moita xente cambia de lingua por moitos motivos: parella, círculo de amigos..., afirmou. "Temos que saber explicarlles aos adolescentes que en galego tamén se pode ligar; temos que explicarlles aos empresarios que se pode ter unha empresa en galego e aos profesionais da sanidade que os carteis nos hospitais teñen que estar en galego. En definitiva, hai que explicarlle á xente que tamén se pode vivir en galego unha vez que se sae do sistema educativo".

Valentín García asegura que hai que esforzarse porque esa proxección que nace no ámbito do ensino sexa capaz de estar presente despois na sociedade.

"De pouco vale facer ­unha inversión lingüística en Galicia, se despois todo o mundo fala castelán", continuou, xa que "a maior parte da poboación vive en núcleos urbanos, que son dende o século XVIII, os máis desgaleguizados".

Ademais explicou que o decreto que prepara a Xunta para que se respecte a toponimia en galego está "en periodo de alegacións". "É un proxecto importante porque a toponimia ten gran relevancia a pesar de formar parte do patrimonio inmaterial, sobre todo na nosa comunidade, na que hai unha alta densidade de topónimos".

Valentín García

Secretario política lingüística

"Temos que saber explicarlles aos nosos adolescentes que tamén se pode ligar en galego"

"Cando din que nunha cidade se fala pouco galego, a miña pregunta é: ¿cando se falou moito?"

Sem comentários:

Enviar um comentário